Medra un 2,9%
A economía galega modera o seu crecemento no mes de decembro
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica, que elabora o Foro Económico de Galicia, rexistrou no mes de decembro un incremento interanual do +2,9%, unha décima menos que o acadado no mes de novembro.
Tras finalizar o ano, a media do valor ao longo do 2023 foi dun 2,4%, unha cifra superior ás previsións coas que se comezara 2023, que dan mostra dun comportamento da actividade económica mellor das expectativas.
Este comportamento positivo ven motivado por unha evolución salientable do turismo na nosa Comunidade, así como a recuperación do sector do automóbil, sendo 2023 de récord para ambas as dúas ramas de actividades.
No que atinxe á evolución individual das variables recollidas no Indicador cómpre destacar que nove das quince variables recollidas amosan un crecemento positivo. Ademáis, despois de seis meses de retroceso, as variables referente ao comercio internacional (tanto exportacións como importacións) recuperan o signo positivo na súa evolución, destacando especialmente as importacións, que creceron máis dun 10%.
Pola contra, destaca negativamente a evolución do transporte marítimo de mercancías (cargadas e descargadas) e o índice da cifra de negocios nos servizos, ambas con descensos interanuais próximos ao 10%.
De cara a 2024 persisten os factores de incerteza económica que veñen caracterizando os últimos meses dentro dun contexto económico internacional con algún síntoma de estancamento, especialmente nalgúns países veciños europeos como Alemaña.