A cifra máis alta no que vai de 2023
A actividade económica acelerou levemente en Galicia en agosto
O Indicador Abanca-Foro de Conxuntura Económica, que elabora o Foro Económico de Galicia, rexistrou no mes de agosto un incremento interanual do +2,8%, o que supón un aumento dunha décima con respecto ao mes de xullo.
Segundo este dato, é altamente probable que este sexa o valor máis alto que se acade nos vindeiros 12 meses, por mor dos efectos da suba de tipos de xuro, a normalización do turismo tras unha forte recuperación no último ano, e as consecuencias dos conflitos bélicos abertos en Ucraína e Palestina.
En relación á evolución individual das variables recollidas no Indicador cómpre destacar que só cinco das quince variables recollidas amosan un crecemento positivo, salientando o comportamento do Índice de produción industrial (IPRI) cun incremento superior ao 5%.
Pola contra, ao igual que acontecera o mes anterior, sobresae a evolución interanual do transporte marítimo de mercancías cun descenso no mes de agosto superior ao 20%. Igualmente, as importacións experimentan un retroceso porcentual semellante, dando conta das dificultades que está a experimentar o comercio exterior galego.
En conxunto, estes datos anticipan un segundo semestre do ano algo peor que o primeiro no seu conxunto.