Por primeira vez abrirase o domingo posterior ao Black Friday
Acordados os dez domingos e festivos nos que abrirá o comercio en 2018
A Consellería de Economía, Emprego e Industria vén de aprobar, a proposta do sector, os domingos e festivos nos que os establecementos comerciais que non gozan de liberdade horaria poderán abrir ao longo do vindeiro ano 2018.
Logo da consulta previa ás principais organizacións do sector, ao Consello Galego de Consumidores e Usuarios e ao Consello Galego de Cámaras, os días de apertura, que tal e como marca a normativa son dez, se reparten do seguinte xeito: o domingo 7 de xaneiro, data tradicional de inicio das rebaixas de inverno; o 29 de marzo, Xoves Santo; o domingo 1 de xullo, data habitual de inicio das rebaixas de verán; o 25 de novembro, domingo posterior ao chamado Black Friday; o sábado 8 de decembro, día da Inmaculada; e os domingos do mes de decembro: 2, 9, 16, 23 e 30.
A orde pola que se determinan os domingos e festivos nos que se autoriza a apertura de establecementos comerciais durante o ano 2018 será publicada no Diario Oficial de Galicia o vindeiro 13 de outubro. Posteriormente, calquera concello que o estime oportuno poderá solicitar ata o próximo 15 de novembro a modificación de ata dúas datas para o seu termo municipal para adaptalo aos festivos locais ou atendendo a calquera outra circunstancia motivada.
Liberdade de apertura para o pequeno comercio
Estes domingos e festivos non son de aplicación para o pequeno comercio, xa que, con carácter xeral, poden decidir libremente o seu horario e días de apertura os establecementos de ata 300 metros cadrados, coa excepción dos que non teñan a consideración de pequena e mediana empresa.