Con produtos financierios específicos para productores e gandeiros
Abanca renova os seus convenios con Asoporcel e Boaga
Ambos acordo foron asinados aproveitando a celebración, a pasada fin de semana, da Feira Internacional Abanca Semana Verde de Galicia. Nas sinaturas participaron o director de Abanca Agro, Jesús Combarro Pereira, o presidente de Asoporcel, José Barreira Alonso, e o director de Boaga, José Ramón Justo.
No texto dos convenios recóllense unha serie de condicións melloradas para o colectivo de criadores que se centran principalmente nas necesidades máis esenciais e inmediatas do sector agroalimentario. Así, os asociados terán acceso a unha conta de crédito para a financiación dos gastos do día a día das súas actividades a un prazo de ata cinco anos que permite un aforro relevante nos gastos de formalización. Os gandeiros e produtores tamén terán acceso a préstamos específicos con amplos prazos de amortización e xuros baixos para financiar os seus investimentos.
Ademais, contarán con outros produtos como liñas de comercio exterior, financiamento mediante leasing, confirming, factoring, avais e anticipos de subvencións ou impostos, o anticipo PAC ou o préstamo para gastos de campaña.
Asemade, a sostibilidade sitúase no epicentro do acordo, xa que a entidade financeira ofrece a ambas asociacións e aos seus integrantes o financiamento de activos de diversa natureza, en condicións melloradas, sempre que supoñan unha mellora da sostibilidade das explotacións dos criadores.
Ademais, o banco pon a disposición dos asociados de Asoporcel e de Boaga liñas de financiamento oficiais, como as do ICO, SGRs e SAECA.
A maiores, a través da súa unidade especializada Abanca Agro, o banco ofrece persoal especializado no sector agroalimentario e na xestión de seguros para asesorar sobre as pólizas que mellor se adapten ás necesidades de cada caso. Inclúese unha liña de financiamento específica para seguros agrarios en condicións moi competitivas. Os asociados tamén poderán gozar das vantaxes que lles ofrece o Programa Cero Comisións da entidade.
Con estes convenios, Abanca ratifica o seu compromiso cun segmento clave na economía produtiva de Galicia e en concreto con dúas das asociacións máis relevantes de produtores de razas autóctonas de Galicia