Aposta pola sostibilidade do sector
Abanca e Apromar firman un convenio de colaboración para fomentar a acuicultura
A entidade financeira Abanca, e a Asociación Empresarial Española de Acuicultura (Apromar) renovaron o acordo de colaboración co obxectivo de promover o desenvolvemento sostible do sector acuícola.
Javier Fraga, director de Abanca Mar, e Javier Ojeda, director xerente de Apromar, asinaron este martes, na sede institucional do banco en Vigo, o convenio polo que se marcan as estratexias para afrontar os retos e oportunidades do sector.
Este acordo aposta por facilitar o acceso ao crédito e ofrecer novas alternativas para impulsar un sector comprometido coas prácticas máis sostibles.
Desde 2016, a entidade financeira conta cunha unidade especializada para este segmento, Abanca Mar, que centra a súa proposta de valor na proximidade co sector e un amplo catálogo de produtos e servizos creados para afrontar os seus retos e adaptarse ás necesidades das empresas integradas en Apromar.
En concreto, as empresas acuícolas asociadas poderán acceder a produtos flexibles, a préstamos persoais sen xuros ou comisións e a posibilidade de aprazar o pago de impostos, leasing mobiliario, avais ou desconto comercial.
Abanca tamén ofrece financiamento á medida, ideal tanto para a construción ou remodelación de embarcacións como para a renovación dos diferentes artefactos por outros máis eficientes e respectuosos co medio ambiente. A sostibilidade ambiental, a eficiencia enerxética e o fomento da acuicultura sostible son algúns dos obxectivos que persegue este financiamento adaptado.
A renovación desta colaboración con Apromar permite ao banco reafirmar a súa aposta por un sector clave para a economía nacional e supón un paso máis no seu plan de apoio ao mundo da pesca e da acuicultura.