Informe do Consello da Xunta
2016 bate récord de facturación nas vendas de peixe e marisco fresco
O Consello da Xunta analizou este xoves un informe sobre a primeira venda de produtos pesqueiros realizada no ano 2016 nas lonxas e centros de venda autorizados en Galicia segundo o cal o ano pasado bateuse récord de facturación nas vendas de peixe e marisco fresco, sendo o mellor dos últimos 20 anos.
Así dende o 1997 o importe facturado polas vendas de produtos do mar aumentou ata acadar no 2016 os 491 millóns de euros pola descarga de máis de 188.000 toneladas. De feito, xa no 2015, se acadara o mellor dato dos últimos cinco anos, que agora se ve superado pola anualidade de 2016, momento no que as vendas se incrementaron case un 5% e o valor económico máis dun 7% respecto dese ano.
En canto aos grupos de especies comercializados o ano pasado, máis do 90% da cantidade era peixe, que supuxo unha facturación de preto de 367 millóns de euros. Entre o 10% restante, destaca o grupo dos bivalvos, que acadou uns ingresos de 70 millóns de euros, o que supón máis do 14% da facturación total das lonxas e centros de venda de Galicia no 2016.
Atendendo ás zonas xeográficas, as lonxas da provincia da Coruña foron as que máis descargaron, seguidas das de Pontevedra e das de Lugo. En relación coa facturación, Pontevedra foi a o provincia que máis contribuíu na cotización, seguida da provincia da Coruña e da de Lugo, a cal experimentou un crecemento exponencial dende o ano 2002. Por lonxas, destacan as da Coruña, Vigo, Ribeira, Burela e Celeiro, que concentran as tres cuartas partes da actividade.
Vendas da frota pesqueira
O informe tamén dá conta das vendas da frota pesqueira galega por diferentes modalidades (arrastre, artes menores, cerco, palangre e enmalle). Así, no 2016 as vendas da frota pesqueira rexistraron os valores máis altos dende o 2013. Por modalidades cabe destacar, por exemplo o cerco, que no 2016 incrementou en máis dun 51% o volume de descargas e o valor económico nun 15,5%, en relación a 2013. Así, o ano pasado superaron as 52.200 toneladas por un valor económico de 36,1 millóns de euros, fronte ás preto de 34.500 toneladas de 2013, cun valor económico de 31,2 millóns de euros.
As artes menores, onde tamén se inclúe o marisqueo desde embarcación, tamén incrementaron as súas descargas en preto dun 25% e o valor económico en preto dun 45%. De feito, no 2016 esta frota descargou máis de 17.600 toneladas por valor de máis de 100,8 millóns de euros, fronte ás máis de 14.000 toneladas cunha facturación de 69,6 millóns de euros de 2013.