A central sindical convoca manifestacións nas sete cidades e outras oito vilas galegas

Este 1M, a CIG chama a mobilizarse “ante a patronal e ante os gobernos”

A CIG mobilizarase o próximo 1 de maio, Día do Traballo, en 15 cidades e vilas galegas baixo o lema “Paremos o saqueo! Emprego, salarios e pensións dignas”, co que amosará o seu rexeitamento ás políticas económicas dos gobernos galego e español. 
Este 1M, a CIG chama a mobilizarse “ante a patronal e ante os gobernos”
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, presentando os actos reivindicativos do 1 de maio.
Paulo Carril, secretario xeral da CIG, presentando os actos reivindicativos do 1 de maio.

A CIG chama a mobilizarse “en defensa dos servizos públicos, da recuperación económica, a industrialización e a creación de emprego digno na nosa terra”. Así o expresou en rolda de prensa esta semana o secretario xeral da CIG, Paulo Carril, quen compareceu acompañado pola secretaria confederal de Organización, Susana Méndez para presentar os actos reivindicativos do Primeiro de Maio. 

Carril manifestou a súa preocupación pola espiral xeneralizada da suba dos prezos e da inflación, nomeadamente de bens e produtos básicos de consumo, que “está a causar unha importante deterioración nas condicións de vida da clase traballadora e da maioría do pobo galego”. Asemade, o secretario xeral da CIG criticou a nova reforma das pensións que “amplía os recortes, negando o dereito a unha pensión digna, e que consolida as reformas anteriores e aumenta máis o período de cálculo, aos 29 anos -excluíndo os peores 24 meses-, afondando o resultado que levamos anos acumulando de caída nas contías das pensións, con especial afectación ás persoas menores de 50 anos”.

O representante da central sindical tamén foi crítico coa última reforma laboral que, a un ano da súa entrada en vigor, “baixo as novas formas contractuais seguen a medrar a flexibilidade, a inestabilidade laboral e os baixos salarios e avanza imparábel a precariedade”. En concreto fixo referencia ao incremento dos contratos a tempo parcial, empresas de traballo temporal ou axencias de colocación e dos contratos fixos descontinuos dos que asegurou que “se multiplicaron por catro en Galiza desde 2019”.

Paulo Carril chamou á mobilización “ante a patronal e ante os gobernos” e a dar resposta a unha “realidade económica e social extrema, por moito que a disfracen con propaganda e por moito que a encubran no diálogo social, con CCOO e UGT”. Diálogo social do que dixo que se converteu “nunha auténtica fosa común onde se enterran os dereitos laborais e sociais”.

15 manifestacións

A CIG organiza un total de 15 manifestacións o 1 de maio: en Vigo, A Coruña, Pontevedra, Ferrol, Santiago, Lugo, Cee, A Estrada, As Pontes, Ribeira, Burela e Verín serán ás 12 do mediodía. En Ourense e Vilagarcía, as marchas sairán media hora antes (ás 11:30 h) e en Cangas a concentración terá lugar ás 18 horas. 


 

Este 1M, a CIG chama a mobilizarse “ante a patronal e ante os gobernos”