financiada con apoio da Deputación de Pontevedra
A campaña "Vender en galego" promove o uso da lingua para abrir mercados no exterior
A Federación Galega de Parques Empresariais (Fegape) vén de presentar en Cangas a campaña “Vender en galego”, financiada a través da liña de dinamización do galego convocada no pasado exercicio pola Deputación de Pontevedra
Na presentación estiveron presentes o secretario xeral de Fegape, David Sobral, o presidente de Fecimo, Xosé Bangueses, a xerente de Fecimo (Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo), Mar Lorenzo, e o deputado provincial de Cultura e Lingua, Xosé Leal. Durante a presentación, o deputado aproveitou para anunciar que esta liña de axudas, iniciada no ano 2016, terá continuidade no presente exercicio “para que o galego estea en todos os ámbitos da nosa vida, que é a maneira de que sexa útil para a sociedade”. Leal parabenizou tanto a Fegape como a Fecimo por incluír “o galego como lingua vehicular do comercio e promover que nos identifique no mercado”
“Vender en galego” é unha campaña baseada en información impresa para impulsar a concienciación nas empresas e no comercio local para a etiquetaxe de produtos en galego. Inclúe ademais o espazo web www.venderengalego.gal co obxectivo de fornecer ás empresas de ferramentas online para os procesos de comercialización como son tradutores, cursos de galego, dicionarios ou software. “Trátase de concienciar sobre as oportunidades que o uso do galego xera nas empresas á hora de diferenciarse no mercado exterior e o valor competitivo en relacións con países de lingua portuguesa” asegurou David Sobral. Desde Fegape consideran que a comunicación do produto no noso idioma é importante para abrir mercados nos cinco continentes, en países como Portugal, Brasil, Mozambique, Angola, Guinea Bissau, Cabo Verde, São Tomé e Príncipe, Timor Leste e Macau por ter o portugués como lingua oficial, ou en países con importantes comunidades lusófonas como os Estados Unidos, Canadá, África do Sur, Francia, Luxemburgo ou Xapón. Neste sentido, Sobral indicou que “a lingua é unha ferramenta que está ao servizo das empresas e dos seus traballadores e pódenos axudar a chegar a moitos mercados, que nos axuda a diferenciarnos e a ser máis competitivos”. Tamén afirmou que “debemos valorar o galego como un valor engadido no exterior, xa que produtos galegos no campo da gastronomía ou do viño don unha garantía de calidade”.
Fegape conta con 10 asociacións e entidades asociadas na provincia de Pontevedra: Asociación de Empresarios de A Pasaxe, en Gondomar; Asociación de Empresarios de Areas, en Tui; Asociación de empresarios de As Gándaras, en O Porriño; Asociación de Empresarios de O Campiño, en Pontevedra; Asociación de Empresarios do Polígono O Salnés; Consorcio da Zona Franca de Vigo; Entidade de Conservación de Pemos, en Mos; Entidade de Conservación de A Granxa, en O Porriño; Entidade Urbanística de Conservación do Parque Empresarial e Loxístico de Vigo; e Federación de Comerciantes e Industriais do Morrazo – Fecimo.