O prazo de solicitudes abre o 22 de xuño
O Inega convoca axudas para actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias
O Diario Oficial de Galicia (DOG) publicou a convocatoria das axudas para a realización de actuacións de eficiencia enerxética en explotacións agropecuarias para as que a Vicepresidencia segunda e Consellería de Economía, Empresa e Innovación conta cun total de 1,67 millóns de euros de orzamento, procedentes do Fondo Nacional de Eficiencia Enerxética.
O obxectivo desta convocatoria de axudas, que xestiona o Inega, é apoiar a implantación de tecnoloxía eficiente nas explotacións agropecuarias que reduza o consumo inicial en polo menos un 10%. As axudas, de concorrencia non competitiva, poden destinarse á mellora da eficiencia enerxética das instalacións de regadío –substitución de grupo de bombeo por outros máis eficientes desde o punto de vista enerxético; implantación de variadores de frecuencia e arrancadores estáticos; implantación ou modernización de sistemas de regulación, control e monitoraxe da rede de rega; ou instalación e substitución de baterías de condensadores nas estacións de bombeo, por exemplo–. Agárdase apoiar ao redor de 60 actuacións.
Tamén se poden utilizar para a mellora enerxética e uso de enerxías renovables nas explotacións, como por exemplo actuacións sobre a envolvente térmica; nas instalacións térmicas de calefacción, refrixeración, ventilación e auga quente sanitaria; substitución da enerxía convencional en instalacións térmicas por enerxías renovables térmicas; ou a reforma ou substitución de instalación de iluminación interior e exterior, entre outras.
As axudas, cuxa convocatoria estará aberta do 22 de xuño ao 31 de decembro, están dirixidas tanto ás persoas físicas como xurídicas titulares dunha explotación gandeira; ás comunidades de regadores e outras organizacións; aos titulares de explotacións agrícolas de regadío; organizacións ou asociacións de produtores agrícolas; comunidades de enerxías renovables e comunidades cidadás de enerxía; así como empresas de servizos enerxéticos.
Previsión de aforros
Con esta nova liña de axudas, a Xunta agarda unha mobilización de 9,4 millóns de euros, aforros económicos de 630.000 euros anuais e enerxéticos de 650.000 litros de gasóleo (6.600 MWh/ano). Promoverase unha redución de CO2 equivalente a plantar 88.000 árbores e permitirá crear ou manter 76 postos de traballo.